A Murta, Myrtus communis, é un arbustiño medicinal e aromático distribuído pola maior parte da área de clima mediterráneo do sur de Europa, norte de África e Próximo Oriente, de ata 5 metros de altura, que naturalmente medra en lugares solleiros, con certa humidade edáfica e a pouca altitude. En Portugal aparece de forma espontánea citada a relativa pouca distancia deste exemplar na cuadrícula PG30 a uns 30 quilómetros a sur, entre as localidades de Valpaços e Carrazedo-de-Montenegro, na veciña Região do Alto-Tâmega: https://flora-on.pt/index.php#/1murta
Esta da Santa Ana é a única localización coñecida ata o de agora da especie na bisbarra de Monterrei. En Portugal é unha planta moi valorada polas súas propiedades.
Aquí como se pode apreciar está ubicada nun lugar cristianizado de ritos máis antigos, se callar prehistóricos, polo tanto podería dárselle un carácter sagrado a esta arboriña. A capela ten vestixios románicos ou incluso anteriores, o que xa reflicte a súa antigüidade de relixión cristiá. O culto á Santa Ana, como mai da Virxe, simboliza o principio de todo: Gea, Terra Mater, Pachamama, A Terra Mai, La Madre Tierra, A Deusa Mai do paleolítico...
Pescudando entre persoas de idade poidemos atopar a referencia que se facía a lembrala aí dende sempre e que cando se ía de romaxe á Santa Ana "recollíase unha ramiña para levala polo camiño de volta á casa".
Recoméndase fretar unhas folliñas nas mans para ulir o seu intenso arrecendo.
O exemplar ten un diámetro considerable polo que se intúe que ten moito tempo de idade, se callar centenaria, e por todo isto digno de preservar.
As súas propiedades medicinais dadas en "O Dioscórides renovado" son: Virtudes: anticatarral e antiséptico. Uso: en afeccións pulmonares e bronquiales. O seu viño ten facultades aperitivas. O seu mirtol ten proiedades balsámicas, antisépticas e sedantes. A súa auga destilada é admirable cosmético. Historia: coñecida como astrinxente dende a antigüidade clásica. Dioscórides recomenda o uso das follas e froitos para sandar numerosas doenzas como amigo do estómago e que provoca o ouriño; o cocemento da semente fai negro o cabelo; o viño desta tomado antes doutro viño impide a borracheira; é útil á mai saída a fora, ás indisposicións do seso e ao demasiado fluxo do ménstruo; limpa a caspa e as chagas húmidas da cabeza; deseca as virolas e detén os cabelos fluídos que non se caian; o cocemento das follas instílase nos ouvidos que mana materia... Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Pío Font Quer. 1961.
As antigas farmacopeas recomendaban a Murta, encarecidamente, para a cicatrización das feridas, aliviar as convulsións e curar as chagas. Os autores clásicos trataron amplamente das virtudes astrinxentes deste arbustiño. Cos vapores da súa infusión críase que curaban a xaqueca. O froito desecado, pulverizado e macerado, a modo de emplasto sobre o estómago curaba os vómitos. Mitoloxía: relacionada con Venus e Afrodita. Símbolo do amor e da beleza. A Murta estivo consagrada a Venus e aos deuses lares. Plantaban Murtas nas portas dos templos de Venus. Tamén se considerou un arbustiño de boa sorte. Por esta causa, as noivas romanas e xudías enfeitaban a cabeza con flores de Murta o día da boda. Atlas de Botánica oculta de España y Portugal. Enric Balsch; Yolanda Ruiz.
Ten altos níveis de ácido salicílico, polo que foi prescrito para a febre e a dor polos médicos da antigüidade (Hipócrates, Plinio o Vello, Dioscórides, Galeno e outros escritores árabes, dende, polo menos, 2500 A.C.). https://es.m.wikipedia.org/wiki/Myrtus_communis
Polo tanto é unha planta antitusiva, expectorante, hemostática, dixestiva, sedante, antidiarreica e cicatrizante. Indicada para farinxite, larinxite, bronquite, efisema pulmonar, asma, rinite, sinusite, cistite,pielonefrite, prostatite; tópicamente para otite, feridas, hemorroides. https://www.fitoterapia.net/vademecum/plantas/index.html?planta=222
En culinaria úsase, nalgunhas rexions, para facer viño, e as bagas e polas para aromatizar comidas. https://es.m.wikipedia.org/wiki/Myrtus_communis
E igual se usa como planta aromática en colonias e perfumes, polo tanto desodorizante. https://www.cuerpomente.com/guia-plantas/mirto
E, como non, tamén afrodisíaca. http://herbarivirtual.uib.es/ca/general/645/especie/myrtus-communis-l-
Agardemos que isto sirva para que se lle dé a este arbustiño o seu merecido valor e se respecte a súa simple existencia.
Debería de facerse unha proposta institucional ou veciñal para a súa inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras como formación arbustiva de interese natural, histórico e antropolóxico.
En pescudas na rede téñense referencias de presenza natural da especie en Galicia no Sobreiral de Parada, San Martiño, concello da Cañiza (Pontevedra); nas ribeiras do río Tamuxe, O Rosal (Pontevedra); nos montes de Coruxo, Vigo (Pontevedra), onde na parte alta da parroquia, Fragoselo, era un dos compoñentes da auga de San Xoán; no Morrazo (Pontevedra), tamén asociadas a Sobreiras, Quercus suber, con orientación suroeste; e unha cita dos anos 90 na illa de Monteagudo, nas Cíes, asoballada por Eucaliptos.
ResponderEliminarAs citas son de Afonso Rodríguez a través de biodiversidade.eu, e de Afonso Coruxo e Helena Rodríguez a través do grupo de Facebook de Fauna e Flora Salvaxe de Galicia.
Moitas grazas pola achega.
E outra cita de Xosé Ramón García no Val de Miñor, concello de Gondomar (Pontevedra), tamén a través do grupo de Facebook Fauna e Flora Salvaxe de Galicia.
ResponderEliminar