Comunicado sobre a desfeita no Castro do Muro de Búbal

 
Unha desfeita no Castro do Muro de Búbal

Fai uns días que se produciu unha desfeita irreparable no Castro do Muro de Búbal que pertence a metade a Medeiros, do Concello de Monterrei, e a outra metade a Espiño, do Concello de Oímbra. Nós coma colectivo temos a responsabilidade de compartir a nosa preocupación. O ocorrido poida que non fora intencionado se non que fora imprudente ou irresponsable ou neglixente, o caso é que se fixo un esnaquizado que de mala maneira se pode reparar ao remover séculos de historia en pedra.
 
Semella que coa intención de facer unha plantación de piñeiros, cousa que xa se pode criticar en si mesma ao seren unhas especies foráneas que favorecen os incendios forestais e o despoboamento da fauna autóctona, se realizou un ancheamento dunha pista de terra, cousa que tamén se pode criticar xa que non é necesario ensanchar tanto para os fins previstos porque se destrúen paredes de pedra en seco, que a día de hoxe estarían protexidas, alén de devasar cantidades enormes de vexetación. Algo parecido xa ocorreu na Ribeira de San Brais onde se abrira un acceso derrubando paredes, árbores e incluso canalizando un regueiro, estes feitos seica aínda están en trámites dos correspondentes expedientes administrativos de denuncia. E o caso é que acabaron chegando ata os propios límites do Castro, entrando polo principal acceso da fortificación e parte do seu muro con maquinaria pesada e esborrallando as pedras que facían parte dela destruíndo non só o mesmo muro se non que toda a posible  información que podían aportar estas pedras.

Nun principio estes feitos estarían recollidos no Código Penal coma un posible delito contra o patrimonio histórico, alén das autorizacións administrativas que se precisaren e non se tiveran, tanto da parte da área de afección do xacemento arqueolóxico coma outras relativas a Medio Ambiente pola apertura de pistas.

Bo, con todo isto, e, sabendo que xa están actuando as autoridades que lle competen, chegamos á conclusión de que tiñamos que pronunciarnos en público no tocante a este lamentoso asunto. Entón, asumimos a parte de protectores do patrimonio histórico e do patrimonio natural condenando estes feitos e convidando aos responsables a tomaren nota para que non volvan ocorrer por terceira vez, e, coa mesma forza, convidamos ás autoridades e aos seus axentes a teren a ocasión de aumentaren a súa vixilancia e preservación.

Sen outra, e con bágoas simbólicas na face, agardamos se faga equitativa xustiza para que isto, no posible, non se ocasione nunca máis.
 
O Colectivo Olimbria

 
 



 




Comentarios