Un avistamento OVNI en Vilar de Perdizes

Nunha relación etnográfica ou antropolóxica vou contar unha historia que nos relataron vai uns anos en Videferre. Trátase dun avistamento OVNI de terceira fase na localidade veciña de Vilar-de-Perdizes aló polos anos 60 do pasado século.

O relatado foi así:

Estaban un pai e un fillo cavando nunha viña que tiñan aló pola zona da capela da Santa Marinha das Olas cando se lles apareceu un obxecto voante a moi baixa altura. Achegóuselles tanto que até chegaron a apreciar unhas ventás polas que viron a dous tripulantes (tempo despois unha das testemuñas chegou a facer un debuxo dos humanoides e seica tiñan a típica cara que podemos estar a imaxinar todos con cara de pera invertida, ollos grandes e rasgados, nariz case inexistente e boca pequena, hai que ter moi en conta que esto ocorreu no Vilar-de-Perdizes da década dos 60 cando esta aldea portuguesa apenas tiña interacción co resto do mundo polo que difícilmente estarían contaminados coas imaxes que están hoxe en día amplamente espalladas). Ao achegárense tanto o pai levantou o sacho cara o obxecto a modo de ameza momento no que o aparato saíu despedido a enorme velocidade cara os montes de Videferre, pola Fraga do Corvo, pensándose incluso que chegara a estrelarse.

O conto non acaba aquí xa que ao pai chegou a metérselle este encontró de terceira fase tanto na cachola que quedou obsesionado. Desde aquel momento comezou a facer debuxos dos tripulantes, tamén fixo unha maqueta a escala da nave voante e conta quen a viu que era tal cal un platiño voante, co tempo din que até chegou a escribir unha carta á NASA e seica lle respostaron dicindo que xa tiñan máis coñecementos dese tipo de avistamentos ao longo de todo o mundo e que non sabían o que eran.

Bon, aquí fica este curioso relato.

Cumprimentos

Comentarios